Atlético Coruña

Pablo Vigo: “Os anos non pasan por min, só no carné”

O Montañeros conseguiu a quinta vitoria nas seis últimas xornadas tras impoñerse por 2-0 ao Atlético Arteixo. O primeiro gol e máis importante anotouno Pablo Vigo. Foi un tanto brillante desde fóra da área colando o balón pola escadra. Pablo, que vive a súa primeira tempada no Monta, está de cumpreanos este luns.

0-2 pero triunfo sufrido.
Si, moi sufrido ante un equipo moi forte defensivamente e con moita velocidade polas bandas. Soubemos aproveitar as nosas ocasións, puxémonos por diante ao cuarto de hora, algo que nos deu máis confianza e estivemos cómodos, en boa medida, gracias aos pases de Herbert.

Como se che pasa pola cabeza tirar na acción do gol?
Controlei ben orientado, acerqueime á area e non o pensei. En lugar de abrir á banda, ocorréuseme tirar e deu a casualidade de que foi un golazo.

Foi un partido especial para ti?
Si, contra todos os meus equipos sempre é bonito xogar e teño un plus. Saiunos ben: portería a cero e tres puntos a mellor maneira de celebrar o meu cumpreanos (este luns 3 de decembro fixo 34).

O Arteixo xogou con tres centrais e con laterais de envergadura como Castro e Rebollo. Foi complicado superar esa defensa?
Presionáronnos alto cos carrileiros pero iso tamén nos deixaba espacio na súa espalda e foi algo que aproveitamos. Se se quedaban atrás tiñamos mellor saída e soubemos ler ben as dúas situacións.

Herbert e Javi Suso intercambian as posicións. Tosca tamén ten movilidade. Como é o Montañeros a nivel táctico?
Temos xogadores de moita calidade arriba e crean espacios para que o ocupen outros. Eles que xoguen e o resto dedicámonos a defender. Está saíndo ben.

Seis xornadas sen perder e cinco vitorias neses partidos.
O segredo é a portería a cero e aproveitar as ocasións que xeramos. Temos os pés na terra pero sempre que poidamos sumar de tres en tres, moito mellor.

Dis moito o de portería a cero.
Para min, como defensa, é o meu principal obxectivo. Arriba temos calidade e sempre temos ocasións. Coa portería a cero xa temos un punto asegurado e nesta categoría máis aínda porque se marcas un gol é moi difícil que che marquen. Todo o que poidamos sumar é millo para o hórreo e danos tranquilidade.

Agora eres titular indiscutible pero esta tempada non sempre foi así.
Estaba acostumado a iso nos meus anteriores equipos, pero a situación desta tempada motivoume máis e deume máis forza. Intento aproveitar as oportunidades que me están brindando o equipo e o adestrador e quero seguir nesta liña.

Como te atopas a nivel de xogo?
Encóntrome perfecto. Os anos non pasan por min, só no carné. Estou contento e con ilusión.

Está eufórico o vestiario do Montañeros?
Un pouco de euforia pode haber porque levamos unha racha moi boa, pero temos xente veterana na plantilla que facemos que os pés estean na terra e, como di o Cholo, partido a partido.

Comparte:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *